O BNG acusa ao goberno do PP de perpetrar o «primeiro atentado lexislativo» contra o idioma galego
Bieito Lobeira lamenta que o texto aprobado considere o galego como “unha barreira lingüística” ou un “lastre”
Santiago de Compostela, 23 Xuño 09.-O deputado do g.p do BNG Bieito Lobeira acusou hoxe ao goberno do Partido Popular de consumar o “primeiro atentado lexislativo contra a lingua galega” ao aprobar, en solitario, a reforma da Lei da Función Pública pola que se elimina a proba de galego nos exames das oposicións á administración.
Lobeira, na defensa da emenda á totalidade presentada polo BNG, cualificou de “ruin, abxecto e miserable” o proxecto de lei e preguntouse que é para o PP o “consenso” cando se aproba cos votos en contra da oposición e están manifestándose os traballadores da función pública para amosar tamén o seu rexeitamento.
Para o deputado nacionalista, o Partido Popular está a “prostituir” o concepto de liberdade, “amparándose nel para proclamar que o galego ten que desaparecer e que non vale para nada. Non nos tomen por parvos –engadiu- porque o que realmente persiguen é o exterminio do idioma e da súa oficialidade na adminstración, o que é unha auténtica vulneración dos dereitos democráticos e os dereitos humanos, a falar e recibir atención en galego”.
O parlamentar asegurou que Galiza, con esta lei, pasa a ser a única Comunidade Autónoma do Estado na que o idioma propio non vai ser obrigatorio nas probas de selección e advertiu de que o goberno está a manipular a legalidade en materia lingüística, pois entende o galego como lingua propia, “ou sexa un dialecto”, e o castelán como lingua oficial.
Ademais, engadiu Bieito, tal e como se recolle no proxecto de lei, o galego é considerado unha “barreira lingüística”, un “lastre”, cando a obriga, legal e estatutaria, é que os poderes públicos defendan o idioma e contribúan á súa normalización, lembrou.
“En función de que intereses traballan vostedes, de Galiza ou dos traballadores de fóra?”, preguntou, ao tempo que agoirou, con esta medida e outras que se están a adoptar en diferentes ámbitos, a desgaleguización total da administración e do País a través “da mesma estratexia de españolización de séculos atrás”.
Bieito Lobeira amosouse convencido de que detrás desta estratexia, o goberno do Partido Popular o que realmente agocha é ser uns “mercenarios ao servizo dunha causa que non se merece este País. Vostedes están fusionados non co País senón coas FAES e os seus argumentos xenófobos. Deixen de converter este Parlamento no local social da FAES”.
O deputado nacionalista concluiu lamentando que nunha lei do Estado se poidan chegar a acordos en materia lingüística e non no propio parlamento galego e lembrou que son as administración as que deben estar ao servizo do pobo non o pobo adaptarse ás mesmas.
Suárez Canal ao PP: «Cre o ladrón que todos son da súa condición»
“Cre o ladrón que todos son da súa condición”, afirma Suárez Canal
Santiago de Compostela, 23 Xuño 09. O BNG acusa ao Partido Popular de tentar “inventar cortinas de fume” para tapar “as evidentes irregularidades do seu Conselleiro Agustín Hernández”.
Neste sentido, Suárez Canal considera que “o PP é perfectamente consciente da situación de Agustín Hernández no seu acceso á Consellaría mais no canto de asumir politicamente esa responsabilidade, o PP aplica a coñecida práctica de botar tinta de lura contra o BNG alegando un caso que nada ten a ver co protagonizado por Agustín Hernández”.
“As diferenzas entre un caso e outro son absolutamente notorias. No acontecido co actual Conselleiro de Medio Ambiente, Obras Públicas e Infraestruturas, certifícase a conclusión dunha obra que no momento en que se coñece publicamente ese dato nin siquera estaba iniciada e cando se certifica carecía de todos os permisos, co cal podería cuestionarse incluso a súa realización. No caso que se alega de Medio Rural, estamos ante unha obra que no momento en que se fai pública a denuncia está virtualmente finalizada. Polo tanto, nun caso, cando salta a noticia, hai obra e noutro nin siquera está iniciada”.
Suárez Canal engade, entre outras diferenzas, que cando el foi conselleiro non certificou nada, non plasmou a súa sinatura, senón que o fixo un funcionario coa intención de, toda vez que estaba prácticamente rematada, axilizar o pago á empresa para favorecer a súa liquidez nesta época de crise. Ademais, a obra na que si estampou a súa sinatura Hernández era da mesma empresa da cal fora traballador pouco tempo antes “e curiosamente tamén é a mesma empresa que agora está realizando a obra para Medio Rural”.
O BNG empraza ao PP a que, dunha vez por todas, cese na súa campaña de intoxicación contra o nacionalismo galego, asuma as súas responsabilidades políticas polas irregularidades dos seus cargos públicos -o Conselleiro de Medio Rural, o Superdelegado da Xunta en Ourense, o tesoureiro de Rajoy- e se poña a gobernar para dar resposta aos graves problemas que a crise económica plantexa á cidadanía galega.
O PP utilia a táctica de ensuciar o debate político en Galiza para desviar a atención sobre a inacción e a inutilidade do goberno Feijóo ante a crise.
O BNG chama a que se secunde masivamente a mobilización deste domingo en defensa do galego
O BNG amosa o seu total apoio á mobilización convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística para este domingo, 17 de maio, en defensa da lingua galega. O BNG fai un chamamento á participación de toda a militancia e simpatizantes na manifestación que sairá ás 12:00 horas da Alameda de Compostela.
Dende o BNG rexeitamos a política contra o galego que está por en marcha o novo Goberno do Partido Popular, unha estratexia que obedece á dereita máis reaccionaria e centralista de Madrid e ás súas organizacións satélites en Galiza.
Neste sentido, animamos a toda a sociedade galega a manifestarse este domingo contra a derrogración do Decreto 124/2007 que pretende o novo Goberno do PP. Os dados reflicten unha continúa perda de falantes na nosa lingua, en especial na mocidade, e un incumprimento do número de horas mínimas en galego no ensino. Por iso, temos que esixir que se aplique o Decreto, para que os nenos e negas poidan aprender o galego, manténdoo vivo cara ao futuro.
Contra o mito que algúns meios espallan, o noso idioma non se está a impoñer, pola contra contra está en situación de inferioridade xurídica e social fronte ao español. As mentiras do PP e das súas organizacións non teñen nada que ver coa realidade: queren invertir o papel de opresor e oprimido: é a lingua galega a que está submetida ao español, a que sofre un patente proceso de substitución lingüística, a que segue estando marxinada nos medios de comunicación, na xustiza, no cine, na nosa vida diaria. As dificultades para vivir en galego son constantes, e agora o PP quere impedir que as xeracións futuras poidan medrar en galego.
Non llo imos permitir! Este domingo acudamos todos e todas a Compostela para defender a obra máis prezada do pobo galego: a nosa lingua!
DODRO APROBA OS MELLORES ORZAMENTOS DA SÚA HISTORIA COS VOTOS EN CONTRA DO PP
O Concello de Dodro aprobou no pleno venres 24 de abril os mellores orzamentos da súa historia. Con case tres millóns de euros e con investimentos de aproximadamente 1.400.000€ no que se destacan as obras do Fondo de Investimento Local en Imo, Vigo e Lestrobe, e o Plan de Obras e Servizos. Valoramos como especialmente positivos aqueles investimentos que dependen de subvencións específicas para Dodro, coma os máis de 83.000 € concedidos por Agader os 216.000 € para a construcción dun local de artes escénicas ou os 69.000 € para a adecuación de parques infantís.
Tamén destaca nos orzamentos que se estabilice o orzamento conseguido e xestionado polos servizos sociais, esperando que o novo goberno da Xunta manteña este financiamento, o que permitirá manter o nível de atención ás persoas que o necesiten e ter os mairoes e mellores servizos sociais de atención á cidadanía de toda a comarca.
Movámonos todas e todos para conseguir un 25-X masivo!
A activación da base social do nacionalismo é a clave para que Galiza poda enfrentar con garantías de éxito os retos que ten por diante: a consecución dun financiamento adecuado, a negociación do Novo Estatuto de Nación que xa ten Catalunya, o combate ás consecuencias dunha crise económica que se prevé longa e de moi difícil manexo, as próximas eleccións galegas… Sen base social, sen a movimentación do pobo, non é viábel nengún proxecto de vertebración do País, nengún proxecto de emancipación nacional. Os proxectos transformadores só se poden materializar se hai correspondencia entre a rúa e a organización política que vehiculiza esa pulsión de cambio, no noso caso de cambio galego. Isto é así desde as orixes do nacionalismo en Galiza. E débeo ser aínda moito máis agora. Porque é precisamente agora cando se dan as mellores condicións para o nacionalismo dar un salto cualitativo cara a adiante. É precisamente agora porque o nacionalismo dispón de ferramentas (nomeadamente a súa presenza no Goberno da nación) das que carecía outrora. Sería un erro relaxar o traballo social. Ao contrario: agora fai máis falta que nunca.
Este é o espírito co que o BNG enfrentou este ano a organización dos distintos actos que se nuclean arredor do Día da Patria Galega 08. Lonxe de calquer tentación rotineira, a dirección da Frente entendeu que este ano era preciso meter unha marcha máis e apostar forte polo Día da Patria Galega máis masivo da historia do nacionalismo.
Esa aposta traduciuse na organización de máis de 200 actos previos ao 25 de Xullo por todas as vilas e cidades do País cunha intensa participación dos cuadros máis sobranceiros da formación nacionalista, desde os membros da Executiva Nacional, a comezar polo portavoz nacional, até os deputados e deputadas do Parlamento Galego e do Parlamento do Estado. O obxectivo, ambicioso, de reunir a máis de 40.000 persoas nos actos previos ao Día da Patria Galega 08 non é en absoluto caprichoso, senón que responde á convicción de que no País hai xa unha conciencia nacional suficientemente madura para enfrentar un desafío organizativo desta magnitude.
Agora é fundamental que todos e todas as militantes e simpatizantes do BNG poñan todo da súa parte para que os actos do 24 e o 25 de Xullo –lembrade que o Festigal, www.festigal.com comeza o 24 cunha programación dunha calidade tamén sen precedentes- rexistren unha asistencia masiva. Falar cos amigos e amigas, cos compañeiros e compañeiras do traballo, cos familiares, é imprescindíbel agora máis que nunca. O reclamo é verdadeiramente atraínte: a manifestación do 25 de Xullo terá desta volta dous roteiros simultáneos á súa chegada ao casco vello e vaise instalar unha pantalla xigante na Praza de Praterías para dar acomodo á xente que non dea accedido á Quintana. A maiores, o engado dun Festigal 08 que contará con actuacións musicais da potencia dun Pablo Milanés, un Berrogüetto ou Internacional Noise Conspiracy.
É básico que o 25 de Xullo Galiza emita unha clara mensaxe de orgullo nacional. O orgullo dun País que non é conformista, que non se queda na casa e que sae á rúa a defender os seus dereitos a ser dono do seu futuro.
Alternativas do BNG ante a crise e a pasividade do goberno
O Goberno do Estado continúa a eludir teimudamente o emprego da palabra crise para designar o que xa ameaza con se converter nunha profunda recesión económica. Esa resistencia do goberno español explícase porque o PSOE non quer asumir a responsabilidade política de ter concorrido ás pasadas eleccións xerais coa negación da crise como bandeira. Negación que era tanto como negar a evidencia. E explícase tamén porque admitir que estamos nunha crise levaría aparellada necesariamente unha reflexión crítica sobre as políticas económicas seguidas até o de agora, por ser estas en parte as causantes do cambio de ciclo na economía. O que o PSOE non quer facer baixo nengún conceito é mudar de política económica, unha política substancialmente continuista a respecto das directrices marcadas por Rodrigo Rato durante os 8 anos de Goberno Aznar.
O BNG si ten alternativas. O BNG si ten unha política económica substancialmente distinta da que preconizan as forzas políticas estatais, a mesma que está na orixe da crise actual.
O PSOE, como antes o PP, teñen practicado unha política orzamentaria e fiscal de carácter neoliberal, profundamente regresiva ao privilexiar a tributación indirecta sobre a directa (co cal no se cumpre o principio de que paguen máis os que máis gañan) e claramente antisocial ao traducirse na perda de posicións das rendas salariais fronte ás rendas do capital.
O Goberno do Estado, con Solbes ou con Rato como ministros de Economía, non tomou nengunha medida para previr o colapso da burbulla inmobiliaria e, polo contrario, teñen promovido un modelo de desenvolvimento baseado no ladrillo e non no investimento en actividades produtivas de alto valor engadido. A consecuencia é o maior déficit comercial do planeta, por enriba do dos Estados Unidos, e consecuentemente unha perda de competitividade da economía do Estado no mundo.
Fronte á crise, as medidas que agora propón o Goberno do Estado –400 euros, supresión do imposto do patrimonio, veladas ameazas de privatización das pensións públicas, incremento das tarifas eléctricas- son claramente contraproducentes. E sono porque, lonxe de ir á raíz da crise, pódena agravar ao reducir a capacidade de intervención do sector público na economía vía recortes fiscais e ao empobrecer aínda máis ás clases traballadoras, que son as principais vítimas do incremento dos prezos e do deterioro dos servizos públicos. Se tedes dúbidas sobre o efecto que sobre as economías domésticas teñen as medidas adoptadas polo Goberno do Estado, non vaciledes en recorrer ao simulador da tarifa eléctrica que ten posto en marcha o Inega: http://www.inega.es/simulador_factura/simulador_luz.php.
Fronte á crise, o que cómpre é levantar un modelo alternativo. Un modelo que pase polo fortalecimento da política social e polo desenvolvimento de políticas públicas ambiciosas. Cómpre unha política orzamentaria expansiva que permita investir máis en educación, en I+D+I e na mellora dos servizos públicos.
Isto non é retórica. É posíbel facelo. É xusto o que está a facer o nacionalismo desde o Goberno galego, con programas como a construción de 45.000 vivendas protexidas no noso país, a posta en marcha dun concurso eólico autocentrado e con participación pública, o reforzo dos servizos públicos de calidade ou a mobilización de recursos produtivos que outros gobernos tiñan ociosos no agro galego através do Banco de Terras.
Ante a crise hai dúas respostas posíbeis. A escapista e irresponsábel dun Goberno do Estado que finxe non ver a realidade e que está a velas vir e a capear o temporal. E a responsábel, a do nacionalismo galego, consistente en apostar por unha economía produtiva e autocentrada desde a utilización de todos os recursos do sector público.
GALIZA, un nome lexítimo para o país
Recentemente, vense de abrir de novo a polémica sobre o nome do país (Galiza ou Galicia) a raíz dun ditame da RAG. Desde o BNG, queremos recordar varias cuestións:
En primeiro lugar, a forma Galiza é netamente galega, como se pode comprobar ao revisar textos da etapa medieval da nosa lingua, na que estaba plenamente normalizada nos seus usos. Mais non só iso, senón que na época contemporánea foi e segue sendo usada por numerosísimos autores e en multitude de textos. Un exemplo é o Sempre en Galiza de Castelao.
En segundo lugar, a normativa actual, aprobada pola mesma RAG no 2003, lexitima as dúas opcións.
Até agora, os departamentos da administración autonómica que dependen do BNG, en todos os usos con valor xurídico están a utilizar a forma Galicia que se recollía como oficial no Estatuto vixente. No resto de usos, emprégase a forma Galiza, xa que está admitida pola norma e considerámola unha forma máis xenuína e propia.
Por outra parte, resulta curioso que os que botan leña ao lume neste debate sexan precisamente os que non están en absoluto preocupados pola normalización de usos do galego, os mesmos que se opoñen a que o galego sexa lingua vehicular no ensino, a que o Estatuto galego recolla o deber de coñecer a nosa lingua, ou mesmo os que defenden que en Galiza o idioma que corre perigo é o castelán.
O BNG seguirá a súa liña de coherencia cunha normativa de consenso que aceptou, moi acertadamente, a forma Galiza
